Guillermo Lourido: "pensamos que todo o que fai o artista tamén o facemos nós na casa"
13JUL

Guillermo Lourido: "pensamos que todo o que fai o artista tamén o facemos nós na casa"

En Stoupa tenemos la gran suerte de poder conversar con nuestros colaboradores sobre su trabajo, sus proyectos a corto y largo plazo y sus inquietudes artísticas. Muchas veces descubrimos a un amante de la técnica, de la naturaleza, de las formas y del volumen. Guillermo Lourido (Corcubión) es un buen ejemplo de ello. Desde tremprana edad había algo en él que lo movía hacia el mundo artístico, y poco a poco se ha convertido en uno de los escultores de la Costa da Morte a nivel nacional e internacional.

(Entrevista íntrega en gallego)

- Bo día Guillermo!

- Bo día Lidia, que tal?

- Empecemos polo básico, ti estudaches algo relacionado coa arte ou  a carpintería?

Eu fixen varias cousas, pero a que máis relación tivo coa arte foi Restauración de Bens Arqueolóxicos en Pontevedra, que de feito acabo de terminar o grao, pois na época na que eu estudaba (antes do Plan Bolonia), era unha diplomatura. A min a carpintería non se me dá mal pero… Pódese dicir que fixen carpitería pero máis ben artística, xa que me encargaron unha serie de cousas que elaborei recollendo obxectos do mar coma a madeira desgastada que recollía na praia do Rostro en Fisterra e con iso facía cabeceiros de cama ou armarios pero non son carpinteiro, son escultor e ademais autodidacta, non teño ningunha formación artística.

- Onde consegues a madeira para realizar as túas obras?

- Eu cando comecei e tiña menos demanda si que ía buscando troncos para darlle unha mellor vida. Era boa leña que ía destinada a facer táboas ou para queimar. Agora encárgoa toda, encargo a madeira que ten outro destino, pois o mundo da escultura non é exactamente o seu fin. 

- Que tipo de madeira é o que máis utilizas? Cal é a mellor para traballar?

-A madeira de olmo é fantástica para traballar e en Asturias, que é onde eu resido actualmente, temos outra versión que se chama aliso e é moi boa, pero o problema é que non abunda. O olmo está enfermo e practicamente está desaparecido e o aliso abunda pero necesitas que estea ben desenvolto, que teña corpo. Agora traballo cunha árbore da familia dos arces, e é unha madeira cómoda para traballar e ten unha textura boa. E logo teriamos o carballo e o castiñeiro, madeiras máis caras pero boísimas. A min gústame traballar co carballo, por exemplo, porque abre moito pero admiro esas imperfeccións que produce.

- As túas pezas son bastante grandes de volume e tamaño… Son aptas para ter no interior ou no exterior? 

Para o exterior. A madeira por moito que dure, por moi duradeira que sexa vaise deteriorando. A madeira segue sendo un ser vivo e está baixo os efectos do sol, o vento e a auga. Normalmente fago pezas de 1.20m de largo e están pensadas para zonas amplias. En zonas máis pequenas coma unha casa particular a figura perde porque precisa o seu espazo.

- Lin en varias entrevistas que che fixeron que ti non pretendes representar, senón expresar; e que ademais as túas obras forman parte dunha denuncia social. De que maneira  tratas esa denuncia?

- Eu penso que todos somos consecuencia de algo e a miña arte tamén. Eu creo que as miñas esculturas me saen así porque non teño ningún proxecto. Non é que me plantexe “pois agora vou a facer isto porque quero denunciar aquelo”. Eu traballo directamente sobre a madeira: vexo a madeira, córtoa en troncos dependendo do tamaño e grosor co que quero traballar e despois penso o que podo facer con eles. 

- Non tes nada fixado.

- Exacto. Eu manteño un diálogo coa madeira porque dalgunha forma esta expresa cousas. É coma se vas ao monte e te fixas nas árbores e nas pedras; todo expresa e comunica e mesmo lle metes un nome para afondar nesa comunicacón. Pois coa madeira pasa o mesmo. Eu comezo unha conexión coa madeira e despois interiorizo o seu significado, vendo que é o que me importa, como a deriva social por exemplo. Aí é cando logras unha forma de expresión pero porque nace soa. Eu non pretendo tampouco educar á xente e dicirlle «isto significa isto» ou «isto é unha denuncia social». Quero que eles atopen o obxectivo da denuncia sen decírllelo.

- Podería incluso comparar as túas obras cos medicamentos xenéricos: serven para varios tratamentos, e as túas obras serven de camiño para varias denuncias sociais.

- Si, pódenche provocar diferentes sensacións, diferentes historias. E mesmo nos títulos das obras… Non lles meto nomes que as definan demasiado. De feito agora vou a ter unhas pezas nun establecemento hoteleiro Bela Fistera (Fisterra) e pedíronme que escribira un texto sobre as obras e fixen ou máis ben intentei facer unha poesía cun título moi xenérico que non defina a obra, senón que dea pé a entendela por un mesmo.

- Iso é o que se coñece coma a definición ampla de arte, non?

- Pois si. Eu vexo agora nesa parede da tenda esa obra (referíndose a escultura “Primavera na Costa” de Nando Lestón”) e evócame a primavera, pero tamén me recorda esta zona da Costa da Morte porque aquí hai moitas hortensias, a cor da obra en contraste coa cor da nosa comarca, que é menos colorida, máis triste…

- E falando de cor, vin que tamén te desenvolves na pintura. É un novo camiño ou segues máis inmerso na escultura?

- Si, pero esta historia dame moitísimo medo porque eu tampouco me considero un escultor, nin un pintor. Eu non domino unha técnica como a podían dominar Velázquez ou Van Gogh, senón que eu válgome das cousas, da pintura, da textura, dunha táboa ou dun tronco para expresar, para expresar cousas. Dame medo iso de definirme como escultor ou pintor.

- Por que? Sintes algún tipo de presión por parte de xente que se adica e ten estudos e técnica?

- Non pero síntome máis cómodo así. Cando me preguntan defínome como escultor pero cústame recoñecerme porque son palabras moi grandes, vexo que aínda me queda moi grande. Espero que co paso do tempo si que poida chegar a ser algo no mundo da escultura. E teño que dicir que é un mundo moi complexo que abarca moitas facetas e eu penso que un escultor as ten que controlar todas e eu vou máis por libre. Non pretendo ser un académico, no sentido de querer controlalo todo, por iso me dá respecto definirme como escultor.

- Cando comezaches esta aventura? Cando descubriches que querías ser escultor?

- Pois mira dende moi pequeno, e ao mellor ten que ver con esta última pregunta que me fixeches… A min atraíame o tema de ser artista, eu quería ser artista, non? Pero non me sentía capacitado, a parte de que o que máis me gustaba non eran as representacións artísticas senón a vida do artista, a vida bohemia. O cabelo longo, saír pola noite, fumar, beber… Todo o que envolvía  a vida dos artistas, e eu dicía «eu quero ser así». Entón por un lado tiña esa querenza e polo outro frustábame porque eu vía que non podía chegar a esa vida residindo nun pequeno pobo coma Corcubión e ademais seguindo as orientacións polas que che levaban, non? Eu cando mencionaba algo de ser artista pois a xente dicíame «pero a onde vas?», «iso non dá de comer», «tes que facer outra cousa», etc. Entón cando chegou o tempo de ir á universidade pois estudei Relacións Laborais e estiven traballando un ano na xestoría familiar pero non aguantei. E aí dinme conta de que quería cambiar de rumbo e foi cando me apuntei para estudar Restauración de Bens Arqueolóxicos coincidindo tamén co bombo que se fixo do patrimonio artístico galego, as grandes exposicións, restauracións fantásticas dos retablos e bueno… Prometíannos traballo e ao mesmo tempo entrabas nese mundo e por aí atopei o meu discurso, e ademais tamén entrei en contacto cos volumes, os moldes, o modelado e foi onde me enganchei porque realmente eu sempre me fixara nesas cousas pero despois ao contemplar todo isto no monte pois fun collendo camiño hacia o que fago hoxe. 

- Entón xa dende pequeno te sentías atraído pola madeira.

- Bueno, quizais si. Agora por exemplo estou traballando moito a pedra e tamén o fago directamente pero si que a pesares de que me interesan todos os materiais, a madeira é quizais o máis asequible, o máis accesible e o máis próximo.

- Dedícaste completamente á arte?

- Si agora mesmo si, teño unha dedicación complemente artística e empezo ademais a mover ficha. Hai esculturas miñas en Dinamarca, en Xapón, en Estados Unidos… Xa levo uns 12 anos traballando como escultor e bueno, compaxínase tamén co traballo na casa e o que vaia tocando, non? Pero bueno a xente agora comeza a coñecerme, grazas sobre todo a esa empresa de valenciana que se dedica a este tipo de exportacións. 

- Exportas a diversos países e aquí seguimos cos mesmos probemas de sempre: seguimos sen apreciar realmente a arte e pensamos que todo o que fai o artista tamén o facemos nós na casa.

- Si e iso forma parte do noso carácter. Aquí sempre nos dedicamos a afundir ao próximo e pensamos que na nosa casa o facemos igual e por menos diñeiro. Pois que o fagan, a ver se lles sae! Cando ti estás xuzgando algo e dicindo que non ten valor, eu penso que algo raro che pasa; pero isto sobre todo eu achácoo á falta de educación, nós non temos educación artística. En España non existe pero vas a Francia ou Alemaña e estas cousas son apreciadas e son respectadas. Entón a percepción que hai aquí en España sobre a imaxe do artista é esa: un home que vive sen traballar, que fai o que quere e vive ben facendo chorradas. Se a nós dende pequeniños nos levaran a exposicións para ver as cousas, para percibilas, para tocalas, para sentilas… Seguramente que ao crecer veríamos as cousas doutro xeito. 

- No referido á apreción da arte, en Asturias notas diferenzas coa Costa da Morte?

- Non, nada. Pero onde si que o aprecio é polo norte do país: País Vasco, Cataluña e Valencia tamén. En Bilbao co Guggenheim abriuse unha alternativa ao que era o poderío da industria, e apostaron polo mundo do arte, da música e do cine; e aí entras noutra dimensión. A min en Asturias recoñécenme e din: «que chulo», «que bonito» e nada máis. Por iso me gusta tanto a labor que facedes aquí en Stoupa para promocionar a arte da Costa da Morte. E neste mundo hai que ser cabezota e persistir e persistir.

- Nunca tiveches un baixón por sentir que persistiches moito pero que sen resultados.

- Si, si, tiven moitos baixóns pero o bo é que me duran pouco. Si que estiven un ano traballando sin ver un duro e faise complicado si. Pero agora estou nunha dinámica na que remontei de novo grazas a coñecer xente con influencias, e bueno… É duro, non é un traballo no que tes unha nómica a fin de mes e ademais que agora tes que ser multidisciplinar. 

- Con que volume adoitan ter as túas pezas?

- Depende, pero por exemplo as máis pequenas que teño son as que teño aquí en Stoupa e partir de aquí pois voume ata os 2 metros. Tamén teño pezas figurativas que tamén son moi voluminosas. A limitación que eu teño cos tamaños e as dimensión son as propias limitacións miñas de espazo. Oxalá que me encargaran unha peza de 3 metros, pero eu tampouco teño tanto espazo. 

Obras de Guillermo Lourido en StoupaObras de Guillermo Lourido en Stoupa

- É máis doado para ti traballar a madeira así en grandes volumes?

- Eu penso que é unha cuestión persoal. A min por exemplo gústame moito medir as miñas forzas con obras grandes. 

- Que tipo de ferramentas utilizas? Porque teño entendido que traballas a machadazos.

- Teño unha variedade grande, teño motoserra, machetas… Pero é insconciente o traballo que realizo, vou cambiando de ferramentas á medida que von imaxinando a peza.

- Eu fixeime en que a expresividade das túas figuras son  moi parecidas… Coma neutras ou serias. Intentas recrear esas expresións ou simplemente son máis doadas de realizar?

- Eu trato de fuxir da figuración realista, non? De facer un ollo ou unha boca moi marcados. Eu vou a facer feridas e o resultado desa desfeita que fago ao principio é o que me interesa: esas expresións coma pouco traballadas, onde semella que non hai técnica.

Figuras de Guillermo Lourido

- E en canto a combinar elementos que nun principio están máis asociados ao corpo masculino que ao feminino? Hai unha figura por exemplo ten un peinado que de primeiras podemos pensar nel como feminino, e unha gravata que sempre se asociou máis ás figuras masculinas. Misturas elementos e misturas dimensións.

- A min gústame misturar e xogar. Agora estou xogando coas pezas e coa súa expresividade e de feito agora son agresivas e eu recoñezo que non son bonitas. Hai pezas que fixen en Asturias por exemplo duns tamborileiros e a peza grande resulta fea e a pequena bonita. Eu xogo cos volumes, como por exemplo as cabezas, que son máis grandes co corpo. A min encántame xogar con eses contrastes: brazos máis grandes e sen mans, mulleres con vestido e gravata, cores alegres e expresións tristes. E así é a vida tamén, sempre nos movemos entre unha dicotomía, sempre andamos nun diálogo.

- As figuras que temos en Stoupa teñen moito colorido, que tipo de pintura usas?

- Eu utilizo pigmentos ao óleo disolto, e así danme texturas. Parece que por unhas zonas teñen máis cor e noutras menos, e así sigo dentro dos contrastes.

- E que plans tes agora mesmo a curto plazo?

- Agora mesmo xa non fago obras para ter almacenadas, senón que as fago por encargo. Teño xente que se move moito polo mundo e vanme avisando dos proxectos.

- Se che petan na porta ou te chaman agora mesmo pedindo un encargo… Se te metes en serio, canto tempo tardarías en facer unha pezas coma estas que temos aquí?

- Pois non podo dicircho porque o meu plantexamento no traballo non funciona así. Eu recibo os troncos e empezo a tratalos pero ao mellor non o remato e comezo outro. Depende do que me vaia inspirando. Agora teño estas pezas aquí pero son proxectos que non teñen fin. O meu soño sería ter 100 destas obras nun mesmo lugar e que todas sexan diferentes.

- Que obras che resultan máis difíciles de facer?

- A min difícil resúltame todo, todo! Calquera proxecto me resulta difícil pero sempre é un reto. Por moito que faga antes 20 ou 30 pezas empezo sempre dende cero e con ansiedade, ansiedade por non saber como resultará.  Parto dunha idea moi básica como catro trazos nunha libreta para saber si vai a ser xente encorbada, se os ombros van a estar separados da cabeza… Pero a partir de aí é cando comezas, cando colles a motoserra e das os primeiros pasos. Eses primeiros cortes xa che van marcar o resto da peza, polo que un esquema si que o necesito, pero despois é todo comunicación coas pezas. Todo precisa de comunicación, e por iso me gusta estar neste tipo de locales nos que se comunica e transmite o talento e esforzo.

Entrevista realizada por Lidia F.  Trasmonte para Stoupa

Compartir esta entrada en: 0 0 0

Volver
Esta web utiliza cookies para mejorar la experiencia del usuario. Si continua navegando consideramos que acepta el uso de cookies. OK Más información